- A iniciativa, organizada pola Concellería de Muller e Benestar Social, ofrece 50 prazas para menores de entre 3 e 12 anos
- A actividade desenvolverase os días 16, 17 e 18 de febreiro no pavillón municipal e no CPI Camiño de Santiago
- A data límite para formalizar a participación é o 11 de febreiro
O Pino. 20-1-2026.- O Concello do Pino, a través da Concellería de Muller e Benestar Social, pon en marcha unha nova edición do programa Concilia Entroido 2026, unha iniciativa dirixida a apoiar ás familias do municipio na conciliación da vida laboral e familiar durante o período de vacacións escolares.
A actividade está destinada a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, ambos inclusive, e desenvolverase os días 16, 17 e 18 de febreiro.
O servizo prestarase en horario de 08.00 a 15.00 horas, con recollida flexible entre as 13.30 e as 15.00 horas, e terá lugar nas instalacións do pavillón municipal e nos espazos exteriores do CPI Camiño de Santiago.
O programa conta cun total de 50 prazas por quenda, sendo necesario acadar un número mínimo de solicitudes para a súa realización. No caso de que a demanda supere a oferta, aplicaranse criterios de prioridade, entre os que figuran o empadroamento no Concello do Pino, a situación laboral activa dos proxenitores ou titores, a escolarización en centros do municipio, a condición de familia monoparental ou situacións especiais valoradas polos Servizos Sociais.
A listaxe de persoas admitidas publicarase no taboleiro de edictos e na web municipal, establecéndose tamén unha lista de agarda. No caso de irmáns ou irmás que soliciten a mesma quenda, a admisión dun deles suporá a incorporación automática do resto.
O prezo da actividade é de 15 euros polos tres días de duración. As familias monoparentais e as familias numerosas, a partir do segundo fillo ou filla, contarán cun desconto do 20 % previa acreditación documental.
As familias interesadas poden formalizar a inscrición ata o 11 de febreiro. A ficha de solicitude está dispoñible nas dependencias municipais (en horario de 09.00 a 14.00 horas) ou para a súa descarga na páxina web oficial www.opino.gal. O xustificante de pagamento poderá presentarse ata o 16 de febreiro.
Con este programa, o goberno local reafirma o seu compromiso co benestar social, proporcionando un espazo de lecer seguro e educativo mentres se atenden as necesidades profesionais dos pais e titores.





